É unha festa ligada á luz, á natureza e aos sinais que nos dan os animais, especialmente os paxariños, para anunciar a chegada da primavera.
Por eiquí vos deixamos un poema de Antón Cortizas, do seu libro Zoonetos, cheo de paxariños. Cantos coñecedes?
Papuxas, picafollas, estreliñas,
bubelas, pardeliñas, lavandeiras,
vencellos, subesubes, liñaceiras,
fulepas, papamoscas, andoriñas,
carrizos, petos, xílgaros, pimpíns,
curroxos, pegas, tordos, cardeais,
chaschás, chincas, noitébregas, pardais,
folosas, rousinois, cucos, xiríns,
lavercas, cotovías, verderolos,
pardillos, azulentas, bacachises,
martiños, anduróns, gaios, ouriolos,
peizoques, picaxuncos, estorninos,
piquelos, lavacús, merlos, malvises…
Quen quere entrar no amor aos paxariños?

Ningún comentario:
Publicar un comentario