Cada 11 de febreiro celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data que nos invita a mirar arredor e preguntarnos algo importante: quen imaxina, constrúe e transforma o mundo no que vivimos? A resposta debería ser sinxela: todas as persoas. Pero a realidade dinos que aínda queda moito camiño para conseguir unha presenza igualitaria das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.
Por iso, desde a nosa biblioteca escolar queremos seguir dando visibilidade ás mulleres investigadoras, enxeñeiras, matemáticas, programadoras e científicas que, co seu traballo, abren portas ás novas xeracións. Porque cando unha nena ve a outra muller investigando, creando ou liderando proxectos tecnolóxicos, entende que ela tamén pode facelo.
Neste contexto enmárcase a nosa visita ao CITENI: Centro de Investigacións en Tecnoloxía Naval e Industrial, unha experiencia que nos permitiu achegarnos ao mundo da innovación naval e industrial desde dentro. Durante a xornada, o alumnado puido coñecer proxectos vinculados á tecnoloxía, á investigación aplicada e ao desenvolvemento naval e industrial, descubrindo como a ciencia e a enxeñaría forman parte da nosa vida diaria e tamén do futuro da nosa comarca.
🏎️ No @limferrol experimentaron cun simulador de motor eléctrico: probaron como cambia o seu comportamento segundo as decisións tomadas ao volante.
💨✈️ No laboratorio de Mecánica de Fluídos gozaron dun dos momentos máis divertidos da mañá, grazas ao túnel de vento!: entre risas e peiteados revolucionados, aprenderon a teoría que fai posible que os avións voen.
🚢🌊 E xa no Canal de Experiencias Hidrodinámicas convertéronse en auténticos enxeñeiros navais: a través de modelos feitos con plastilina averiguaron por qué un barco flota e navega sen afundirse.
Pero un dos aspectos máis enriquecedores da visita foi poder escoitar e coñecer o traballo de profesionais que desenvolven a súa carreira nun ámbito historicamente moi masculinizado. Ver mulleres formando parte activa destes equipos de investigación axuda a romper estereotipos e a construír referentes reais e próximos.
A ciencia non entende de xénero, pero as oportunidades ás veces si estiveron condicionadas por el. Por iso é tan importante seguir celebrando días como este: para lembrar o talento de tantas mulleres invisibilizadas ao longo da historia e para impulsar vocacións científicas entre as máis novas.
Desde a biblioteca seguiremos apostando por lecturas, actividades e experiencias que esperten a curiosidade, fomenten o pensamento crítico e animen ao alumnado a explorar o mundo da ciencia sen límites nin etiquetas. Porque o futuro tamén se escribe en feminino. E porque cada descubrimento comeza, moitas veces, cunha pregunta feita na aula… ou nunha biblioteca.

Ningún comentario:
Publicar un comentario