Hoxe o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de participar nun encontro moi especial co autor Anxo Fariña, quen visitou a nosa biblioteca para falar da súa obra A escola robot, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas de fomento da lectura, ofrecendo ao alumnado unha experiencia directa co mundo da creación literaria.
Durante a sesión, o autor explicou como naceu a historia e como foi desenvolvendo as personaxes, combinando imaxinación e reflexión sobre temas actuais como a presenza da tecnoloxía na vida cotiá. Ademais, Anxo Fariña amosou tamén parte do seu proceso creativo como ilustrador, o que espertou aínda máis o interese dos nenos e nenas, que puideron ver de primeira man como se constrúe unha historia desde a idea inicial ata o libro final.
Coñecíamos moi ben a historia, e foi un gustazo escoitar a Anxo falar das persoanaxes do libro. O alumnado escoitouno con moita atención e participou activamente, formulando preguntas e compartindo as súas impresións sobre o libro.
Para rematar, agasallounos cunha fantástica ilustración que lle fai un guiño ao seu libro A escola robot, a viaxe espacial Artemis II ao redor da Lúa que está acontecendo agora mesmo e a nosa compañeira Candela!

Ningún comentario:
Publicar un comentario