mércores, 8 de abril de 2026

Comezamos o mes de abril cunha chea de novidades lectoras

Comezamos un mes de abril cheo de maxia, ilusión… e novos libros! Como xa é tradición, recibimos a visita de Macín, o noso mago feiticeiro, que apareceu cargado de novidades lectoras para agasallar ao alumnado e encher as estanterías de novas historias, aventuras e personaxes por descubrir.


Cada chegada de Macín convértese nun momento moi especial, no que os libros aparecen envoltos en misterio e sorpresa, despertando a curiosidade e as ganas de ler de grandes e pequenos. Pero como xa é habitual, ademais dos agasallos lectores, o mago trouxo tamén unha carta cunha misión moi importante para todo o alumnado.

A encomenda deste mes de abril será escoller un conto da biblioteca para preparalo e compartilo con outro grupo do cole. Un reto que nos converte en lectoras e lectores, pero tamén en contadoras e contadores de historias, capaces de transmitir emocións, aventuras e imaxinación a través da palabra.

Con actividades coma esta, seguimos facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, onde a lectura se comparte, se disfruta e se converte nunha experiencia máxica que une a toda a comunidade escolar. Estades preparados e preparadas?



Ningún comentario:

Publicar un comentario