venres, 22 de maio de 2026

Celebrando as Letras Galegas 2026

Como xa é ben sabido, este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño, que foi unha escritora, xornalista e activista galega moi comprometida coa defensa da lingua galega, coa igualdade e coa xustiza social. Desde moi nova mostrou interese pola comunicación e pola cultura. Traballou durante moitos anos na radio, especialmente na Radio Galega.

Ademais de escribir novelas, Begoña Caamaño destacou polo seu labor como feminista. Defendía que as mulleres debían ter máis presenza na literatura, na cultura e na sociedade. Por iso, nas súas historias gustáballe dar voz a personaxes femininos fortes e valentes, recuperando figuras da mitoloxía e dos contos tradicionais desde unha mirada nova e máis igualitaria.

As súas obras máis coñecidas son Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, novelas nas que revisa antigas lendas para presentar mulleres protagonistas con personalidade propia, intelixentes e libres. A través dos seus libros, Begoña convidaba ás persoas lectoras a pensar sobre a liberdade, a amizade, o amor e o papel das mulleres ao longo da historia.

Tamén participou en movementos sociais e culturais en defensa dos dereitos das mulleres, da lingua galega e dunha sociedade máis xusta e solidaria. O seu compromiso fixo dela unha figura moi querida e admirada en Galicia.

Por todo o seu traballo literario, cultural e social, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas 2026, un recoñecemento moi importante para lembrar e valorar a súa achega á cultura galega.

_______

E nós celebramos esta gran festa da nosa língua, cunha xornada moi especial: organizamos un gran xogo no que, en grupos interniveis, todo o alumnado do colexio pasou por oito probas seguindo un itinerario, e nas que realizaron diversas actividades para coñecer un chisco mellor á homenaxeada nestas Letras Galegas 2026.

Un grande esforzo organizativo, xa que mobilizar a todo o alumnado en diferentes ubicacións da escola simultáneamente e en constante movemento require artellar moi ben todas as pezas. Pero a verdade é que todo funcionou de marabilla, xa que a rapazada do Equipo Biblio é un piar fundamental na organización das actividades de dinamización.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, por aquí vos deixamos algunhas fotos do desenvolvemento das diferentes probas deste gran xogo. Estades preparados?


Teléfono escacharrado


Xogos tradicionais


Busca a parella

Quebracabezas


O paso do río

Un paseo polas letras

A cantar e bailar

Xogo da CDU e mural de Begoña Caamaño






Que ben o pasamos e canto aprendimos!!!
Que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua.
Vivan as Letras Galegas!!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario