venres, 22 de maio de 2026

E así foi a nosa II Gran Foliada no cole de Maciñeira!

E despois dunha marabillosa mañá, celebramos a II Gran Foliada do CEIP de Maciñeira, unha xornada moi especial aberta a toda a comunidade educativa na que a música, a tradición e a convivencia foron as grandes protagonistas.

Familias, alumnado, profesorado e veciñanza compartimos unha tarde chea de actividades arredor da cultura popular galega, convertendo o colexio nun espazo de encontro, participación e alegría.

A celebración comezou cun xantar popular, no que cada persoa trouxo a súa comida para compartir nun ambiente próximo e festivo. Foi un momento perfecto para conversar, desfrutar da compañía e fortalecer os lazos entre toda a comunidade escolar.

Pola tarde tiveron lugar diferentes obradoiros tradicionais, nos que o alumnado e as familias puideron achegarse á nosa cultura a través da música e do baile. Houbo actividades de creación de carteiras de coiro, construcción de instrumentos e baile galego, fomentando a participación de persoas de todas as idades.

Baile galego


Obradoiro de coiro

E obradoiro de creación de instrumentos e brinquedos


A xornada rematou cunhas magníficas actuacións musicais e de baile tradicional, nas que participaron escolas e agrupacións culturais convidadas. O son das pandeiretas, gaitas e tambores encheu o patio do centro de ritmo e emoción, facendo que todas as persoas asistentes desfrutasen dunha auténtica festa popular galega.

Escolas do Padroado de Cultura de Narón





A.F.C. Orballo


Desde o CEIP de Maciñeira queremos agradecer a colaboración de todas as familias,  asociacións e persoas participantes que fixeron posible esta segunda edición da foliada. Dar as grazas especialmente á nosa ANPA que colaborou moi activamente para que non faltara de nada durante toda a xornada.  

Grazas á implicación de toda a comunidade, seguimos mantendo vivas as nosas tradicións e creando experiencias inesquecibles para o alumnado.

Tradición que nos une, comunidade que festexa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario